Concurso 1

Posted in Concursos on Novembro 23, 2010 by arrecarallo

Hoxe o noso primeiro concurso ten relacción cos derradeiros acontecementos na ocupada República Arabe Saharaui Democrática.

Un premio consistente nun preciso reloxio de area, doado por Fos Bucraa,  a quen sexa capaz de acertar quen dixo o dia 2 de novembro de 1.975 en El Aaiun a seguinte alocución:  “España non dará un paso atrás, cumplirá todos os seus compromisos, respectará o dereito dos saharauis a ser libres. Non dubidedes que voso comandante en xefe estará aquí, con todos vos, en canto soe o primeiro disparo.”

Para quen precise unha pista, so ten que lle dar a volta á moeda española de 1 €.

Para quen non teña 1 € neste tempo de crise, pode ver a solución na seguinte ligazón, e os lixos espallados que deron no lameiro e esterqueiro actual. E para os que esixen que a diplomacia española se molle, que lembren quen foi o responsable da situación actual, e que lle pidan tamén responsabilidades.

http://esmola.wordpress.com/2010/11/13/alta-traicion/

Reforma laboral ?

Posted in S.C. on Setembro 22, 2010 by arrecarallo

De hoxe en sete días, está convocada unha xornada de folga xeral en protesta contra a reforma laboral.    As informacións nos medios de comunicación, a visión do goberno, da oposición, da patronal do ¿empresario? Díaz Ferrán , así como as explicacións dos sindicatos son moitas veces indescifrables, contradictorias, oscuras. Deixando a un lado a oportunidade do paro, e que cada un decida se está motivado e se paga a pena, engadimos unha curtametraxe de seis minutos que explica cara a onde vai o mundo laboral, e a idea de pleno emprego que supón o andazo ultraliberal que nos asolaga. Didáctica pura e poesía épica sobre o traballo.

Corto premiado en numerosísimos certames internacionais, obra de Santiago Bou Grasso, de quen podemos obter información no seu blog: http://opusbou.blogspot.com/

Remitido por Victoria a quen agradezo a amabilidade.

Reciclaxe urbana.

Posted in Galeguidade with tags on Xuño 30, 2010 by arrecarallo

Un firme rasgo de galeguidade avanzado no tempo é a rexa e fera aposta pola reciclaxe de todo obxecto,   aparentemente candidato a ser deitado co resto do lixo,  que  ben mirado pode chegar a  ter utilidade.

Nas veigas, chousas, eirados, alpendres… non é raro topar vellos trebellos transformados en deseño post-moderno de solucións eminentemente pragmáticas que diria algún redactor de publicidade urbanística ou arquitectónica.

Pero no máis profundo das cidades e vilas galegas, onde se gardan algúns dos bens máis preciados do home moderno tamén hai mostras do Inconsciente Colectivo.  Ás solucións mais convencionais de protección dos automóbiles como poden ser as vellas rodas ou as planchas de poliuretano,   súmase agora o Colchón de Seguridade Extra.   Con funda de algodón e poliester,   e banda plástica engadida.

Axiña… nas mellores prazas de aparcamento…

Colchón de Seguridade

Cervantes… temos un problema ¡¡¡

Posted in Internacional on Xuño 16, 2010 by arrecarallo

Ou algo así debeu sonar no día E cando unha brincadeira reivindicativa fixo que a expresión popular se transformase primeiro nun acto de sabotaxe e logo en algo mais aséptico coma problema.

Tamén a quen se lle ocorre propor unha votación popular,  que a democracia non é iso,   que hai que facer ben as cousas e acompañalo de “manda un sms e vota”,   ou propor unha lista dirixida,   que a xente o toma ó pe da letra…

Pois nada, que xa non se pode votar para a palabra favorita da lingua española na web do Instituto Cervantes.

A votación antes do “problema” era a seguinte:

República con 7.979 votos.

Limón con 7.675 votos.

Gamusino con 7.508,   e así ata 2.625 palabras propostas.

Fonte informativa: http://ciudad-futura.net/2010/06/15/dia-e/

De cañas por Londres.

Posted in Galiza no Mundo with tags , , on Maio 5, 2010 by arrecarallo

Non sei se é fácil montar unha taberna en Londres, quizais o teñan mellor os indianos ou chineses. Pero hai que recoñecer que ten mérito vender Estrella de Galicia no mesmiño corazón das Illas Británicas.

Se alguén da unha voltiña polo bairro de Portobello, que soa algo parecido a Portonovo, e precisa mollar a gorxa ou encher o bandullo, ten a posibilidade de tentalo no “Galicia”. As tapas de sempre regadas coma sempre, e o bar ten aseo, que parece unha parvada pero non todos os locais de hostelería o teñen na vella Londinium.

Que non todo ía ser Inditex, e visto o paisano que está diante do local, parece que incluso o costume de portar a botella na rúa foi integrado na extratexia de implantación de ese anaco de Galiza.

P.S.: O pasado 6 de Maio,   o Sr. Vicente, dono do local, foi entrevistado nun informativo da RTVE 1.

Minifundio Vertical

Posted in Galeguidade with tags , , on Maio 2, 2010 by arrecarallo

Galiza está chea de metáforas,  onde pousemos a ollada é difícil non topar algunha,  mesmo que a mente adurmiñada non se decate.

Este primeiro de Maio, advirto a galeguidade mais rancia que se ergue cara o ceo en minifundio vertical.   A fusión da cativeza das leiras,  cacharelas cosidas á pel da Terra,  coa norma fundamental  do pensamento galego, “vasme dicir ti a min como teño que facer eu no meu…”,  transmútase en fachada polícroma.

Faltan as cancelas-somier nos balcóns e a bañeira-bebedoiro-terrario,  pero todo se andará,  que a esquizofrenia seica é contaxiosa,  e se podemos rematar de estragar a costa,  tamén podemos topar novas formas decorativas nos edificios.

Rúa do Gorgullón (Pontevedra)

25 de Abril sempre ¡¡

Posted in Hoxe hai anos... on Abril 25, 2010 by arrecarallo

O 10 de Maio de 1972 en Santiago de Compostela,   José Afonso interpreta por vez primeira en público o tema  Grândola Vila Morena. Pasados dous anos do evento, un 25 de Abril de 1974 na Radio Renascença soa como sinal do levantamento contra o réxime dictatorial portugués.   Comeza  a  Revolução dos Cravos.

Hoxe,   cabo do Auditorio de Galicia,   o Zeca ten un pequeno parque.   Hoxe a tormenta económica varre a faixa galego-portuguesa e as lembranzas da Revolução son unha data no anecdotario dos xornais ou medios,   unha canción,   e a imaxe dun cravo na boca dun fuzil.   Hoxe o povo não é quem mais ordena e a fraternidade é un ben excaso.

Hoxe é un dia para a saudade  e para sacarlle a ferruxe á vella canción,   coa voz macia de Amalia Rodrigues envolvendo as notas rexas do Zeca e mesturando as duas versións da música popular,   do povo,   e deixar sair coma un saluco do peito, un ano mais… 25 de Abril sempre ¡¡¡