Archive for the S.C. Category

Um futuro pior.

Posted in S.C. on Marzo 17, 2012 by arrecarallo

Lirismo na crise?. Ana Drago, deputada do Bloco de Esquerda no Parlamento Portugués respostando a un deputado conservador do PSD, envolvida no son de Bandex que fai salientar a claridade e firmeza da exposición, obten unha fermosa páxina na historia parlamentar.

Nun tempo de banalidade e baixo nível intelectual dos xustificadores da desfeita social, e mesmo dos que a critican, a frescura e sinxeleza de Ana Drago moven a reflexión e afirmación dos valores dos que soportamos a expoliación permanente dos nosos dereitos.

Remitido por: Petapouco.

Galiñas en liberdade

Posted in S.C. on Agosto 7, 2011 by arrecarallo

Os defensores dos dereitos dos animais están de noraboa.   Teño nas miñas mans unha caixa de seis ovos de galiña que fai notar que as titulares están en liberdade.  Agás do rexistro sanitario, e código de barras, etc,  non informa sobre o proceso libertador das pitas poñedoras.   Non explica o tipo de contrato que une a empresa comercializadora coas operarias ovicultoras e non sabemos daquela se traballan como autónomas ou por conta allea.   Igualmente descoñecemos no caso de traballo autónomo se teñen algún tipo de acordo en exclusiva similar ó de moitos transportistas ou comerciais,   e tampouco no caso de conta allea, qué tipo de convenio colectivo se lles aplica.   Non temos noticia de Asociacións de Poñedoras, e tampouco nos consta que existan sindicatos profisionais ou que os de clase acollan agrupacións sectoriais.   E a risco de ser redundantes non sabemos se os criterios de flexibilidade laboral, e a moderación salarial que recomendan tantos gurús da economía mundial afectan igualmente ás galiñas liberadas.   Realmente non sabemos nada da xornada laboral, nin da remuneración, nin os anos mínimos de cotización para xubilación ou para desemprego, e tampouco sabemos nada da inserción laboral das pitas novas ou se existen E.R.E.’s ou que se fai cando xa non están no que os empresarios consideran etapa máis productiva, e tampouco se a inspección de traballo levanta actas por infraccións ou traballo encuberto.

En esencia, sabemos tanto como de calquer outro traballador.   Creo que de hoxe en diante buscarei nos produtos que merque, a etiqueta de “producido por traballadores  en liberdade”.

Literatura do XIX

Posted in S.C. on Abril 14, 2011 by arrecarallo

Hoxe 14 de abril noto un proído nas costas ao botar unha nova ollada a un B.O.E. do pasado ano que me levanta un bafo rancio diante do nariz.

Informa o devandito da creación dunha Fundación nos termos que se indican na captura seguiente que é un resumo do documento, e que se pode consultar íntegro en formato PDF na ligazón do remate do artigo.

Dende logo, no aniversario da II República e enfuciñarse deste xeito cos Borbóns, fai que o día se torne dun surrealismo pegañento e fedorento.

Ver PDF

Reforma laboral ?

Posted in S.C. on Setembro 22, 2010 by arrecarallo

De hoxe en sete días, está convocada unha xornada de folga xeral en protesta contra a reforma laboral.    As informacións nos medios de comunicación, a visión do goberno, da oposición, da patronal do ¿empresario? Díaz Ferrán , así como as explicacións dos sindicatos son moitas veces indescifrables, contradictorias, oscuras. Deixando a un lado a oportunidade do paro, e que cada un decida se está motivado e se paga a pena, engadimos unha curtametraxe de seis minutos que explica cara a onde vai o mundo laboral, e a idea de pleno emprego que supón o andazo ultraliberal que nos asolaga. Didáctica pura e poesía épica sobre o traballo.

Corto premiado en numerosísimos certames internacionais, obra de Santiago Bou Grasso, de quen podemos obter información no seu blog: http://opusbou.blogspot.com/

Remitido por Victoria a quen agradezo a amabilidade.