Archive for the Galeguidade Category

Reciclaxe urbana.

Posted in Galeguidade with tags on Xuño 30, 2010 by arrecarallo

Un firme rasgo de galeguidade avanzado no tempo é a rexa e fera aposta pola reciclaxe de todo obxecto,   aparentemente candidato a ser deitado co resto do lixo,  que  ben mirado pode chegar a  ter utilidade.

Nas veigas, chousas, eirados, alpendres… non é raro topar vellos trebellos transformados en deseño post-moderno de solucións eminentemente pragmáticas que diria algún redactor de publicidade urbanística ou arquitectónica.

Pero no máis profundo das cidades e vilas galegas, onde se gardan algúns dos bens máis preciados do home moderno tamén hai mostras do Inconsciente Colectivo.  Ás solucións mais convencionais de protección dos automóbiles como poden ser as vellas rodas ou as planchas de poliuretano,   súmase agora o Colchón de Seguridade Extra.   Con funda de algodón e poliester,   e banda plástica engadida.

Axiña… nas mellores prazas de aparcamento…

Colchón de Seguridade

Minifundio Vertical

Posted in Galeguidade with tags , , on Maio 2, 2010 by arrecarallo

Galiza está chea de metáforas,  onde pousemos a ollada é difícil non topar algunha,  mesmo que a mente adurmiñada non se decate.

Este primeiro de Maio, advirto a galeguidade mais rancia que se ergue cara o ceo en minifundio vertical.   A fusión da cativeza das leiras,  cacharelas cosidas á pel da Terra,  coa norma fundamental  do pensamento galego, “vasme dicir ti a min como teño que facer eu no meu…”,  transmútase en fachada polícroma.

Faltan as cancelas-somier nos balcóns e a bañeira-bebedoiro-terrario,  pero todo se andará,  que a esquizofrenia seica é contaxiosa,  e se podemos rematar de estragar a costa,  tamén podemos topar novas formas decorativas nos edificios.

Rúa do Gorgullón (Pontevedra)