“Lo siento mucho” (Vaime medrar o nariz)

Posted in Borbonadas with tags , , on Maio 22, 2012 by arrecarallo

O Xefe do Estado do Reino de España, constitucionalmente irresponsábel, foi pillado na allada entre un tema de comisións petrolíferas e a volta ó seu plácido labor institucional que non o deixa durmir, salvo cando a sua dona o leva a algún concerto de música clásica.

A súa afección da caza de pelo, de duas ou catro patas, provocou un accidente que o sacou do incógnito e segredo, para publicitar o seu afán eliminatorio de paquidermos, e tamén o interés cinexético por algunha  bípeda loira.

De estar tras da escopeta pasou a ser apuntado polas cámaras nun particular alarde informativo dos medios de comunicación españois, que tradicionalmente ollan para outro lado ou calan das falcatruadas borbónicas.

O grupo portugués, Bandex, os mesmos de Um Mundo Pior, fan unha divertida montaxe entre monarcas arrepentidos, caza de paquidermos, e rituais reproductivos… de elefantes.

Remitido por: Petapouco

Um futuro pior.

Posted in S.C. on Marzo 17, 2012 by arrecarallo

Lirismo na crise?. Ana Drago, deputada do Bloco de Esquerda no Parlamento Portugués respostando a un deputado conservador do PSD, envolvida no son de Bandex que fai salientar a claridade e firmeza da exposición, obten unha fermosa páxina na historia parlamentar.

Nun tempo de banalidade e baixo nível intelectual dos xustificadores da desfeita social, e mesmo dos que a critican, a frescura e sinxeleza de Ana Drago moven a reflexión e afirmación dos valores dos que soportamos a expoliación permanente dos nosos dereitos.

Remitido por: Petapouco.

Galiñas en liberdade

Posted in S.C. on Agosto 7, 2011 by arrecarallo

Os defensores dos dereitos dos animais están de noraboa.   Teño nas miñas mans unha caixa de seis ovos de galiña que fai notar que as titulares están en liberdade.  Agás do rexistro sanitario, e código de barras, etc,  non informa sobre o proceso libertador das pitas poñedoras.   Non explica o tipo de contrato que une a empresa comercializadora coas operarias ovicultoras e non sabemos daquela se traballan como autónomas ou por conta allea.   Igualmente descoñecemos no caso de traballo autónomo se teñen algún tipo de acordo en exclusiva similar ó de moitos transportistas ou comerciais,   e tampouco no caso de conta allea, qué tipo de convenio colectivo se lles aplica.   Non temos noticia de Asociacións de Poñedoras, e tampouco nos consta que existan sindicatos profisionais ou que os de clase acollan agrupacións sectoriais.   E a risco de ser redundantes non sabemos se os criterios de flexibilidade laboral, e a moderación salarial que recomendan tantos gurús da economía mundial afectan igualmente ás galiñas liberadas.   Realmente non sabemos nada da xornada laboral, nin da remuneración, nin os anos mínimos de cotización para xubilación ou para desemprego, e tampouco sabemos nada da inserción laboral das pitas novas ou se existen E.R.E.’s ou que se fai cando xa non están no que os empresarios consideran etapa máis productiva, e tampouco se a inspección de traballo levanta actas por infraccións ou traballo encuberto.

En esencia, sabemos tanto como de calquer outro traballador.   Creo que de hoxe en diante buscarei nos produtos que merque, a etiqueta de “producido por traballadores  en liberdade”.

Ratolandia

Posted in Sen clasificar on Xullo 5, 2011 by arrecarallo

No ano 1944,   Tommy Douglas,   político socialdemócrata canadiano tivo unha popular intevención pública na que relataba unha variante dunha fábula orixinal de Clarence Gillis, outro socialdemócrata canadiano.   Ambos tiveron especial compromiso e actuacións nos eidos de dereitos humanos,    laborais e da saúde pública,   particularmente Douglas que foi inspirador do Medicare de Canadá,   así como o Saskatchewan Bill of Rights,  precedente da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

A fábula é tremendamente actual e seguro que todos somos quen de por nomes a gatos brancos, pretos ou malhados.    Tamén a resolución da fábula,   en tempos en que os “ratos” se manifestan e son axiña criminalizados cando non agredidos ten moito de actual.

Remitido por Victoria a quen agradezo a amabilidade.

Literatura do XIX

Posted in S.C. on Abril 14, 2011 by arrecarallo

Hoxe 14 de abril noto un proído nas costas ao botar unha nova ollada a un B.O.E. do pasado ano que me levanta un bafo rancio diante do nariz.

Informa o devandito da creación dunha Fundación nos termos que se indican na captura seguiente que é un resumo do documento, e que se pode consultar íntegro en formato PDF na ligazón do remate do artigo.

Dende logo, no aniversario da II República e enfuciñarse deste xeito cos Borbóns, fai que o día se torne dun surrealismo pegañento e fedorento.

Ver PDF

O noso fillo de puta.

Posted in Internacional on Marzo 24, 2011 by arrecarallo

Cordell Hull, Secretario de Estado dos U.S.A. entre 1933 e 1944 dixera aquela frase atribuida a F.D. Roosevelt e referida ó dictador nicaraguano Somoza pai; “Pode que sexa un fillo de puta, pero é o noso fillo de puta“.

Os fillos de puta vanse alternando na historia, e pasan de ser nosos a cair en desgracia. Quen otorga o título de fillo de puta?. E, para iso…, hai que ser previamente titulado ou doutorado? Sexa como sexa, é unha especie que non periga de se extinguir.

Pequena escolma biográfica.

Posted in Internacional on Febreiro 21, 2011 by arrecarallo

Chega á xefatura do réxime á morte do anterior dirixente.
Recibe o apoio de Kissinger e o governo U.S.A para perpetuarse no posto.
Ten bases americanas no seu país, e colabórase na invasión de outros países.
O réxime é acusado repetidamente de torturas ós detidos, por organismos internacionais.
Ilegalízanse os partidos contrarios ó réxime.
Péchanse xornais e medios de comunicacións contrarios ó réxime.
Establécemse leis para o control de Internet.
Pretende que o seu fillo chegue a ocupar o seu posto.
É sospeitoso de ter contas bancárias en Suiza ou paraísos fiscais.
Non ten responsabilidade dos seus actos e reprímese a crítica á súa persoa.
A crise económica afecta especialmente ás clases menos pudientes do país.